Participación en Etiqueta Negra 2022

Esta edición de Etiqueta Negra, o noso centro adicouno a concienciar sobre as diversidades funcionais coas que vive parte da poboación. Desde hai 11 anos, a formación en atención ao cliente con diversidade funcional visual, auditiva e intelectual, forman parte do currículo da maior parte do noso alumnado.

No noso stand, o público que se achegou puido experimentar con antifaz ou sen él, as sensacións que producen os aromas, o tacto o gusto de diferentes produtos que tiñamos especialmente seleccionados para a ocasión: camelias aromáticas, herbas da nosa horta, unha miniatura da igrexa da peregrina, brioches de frambuesa e plátano e chocolate feitos polo alumnado de panadaría… Tamén achegáronse moitos rapaces que tiveron a curiosidade de aprender a signar un saúdo ou os seus nomes. Un xeito divertido de aprender e poder conectar coas persoas con diversidade funcional auditiva!

Co noso proxecto “Para ti, para min, para todos” como fío condutor, a nosa demostración gastronómica do luns pola mañá, tamén quixo sensibilizar aos asistentes sobre a diversidade funcional visual, polo que todos os asistentes levaban posto un antifaz. Este “showcooking” desenvolveuse ao revés que un showcooking ordinario, xa que primeiro probaban as elaboracións e apreciaban as sensacións que cada bocado lles transmitía, e logo recibían as explicacións sobre os produtos e técnicas utilizados.

A maioría dos asistentes era a primeira vez que comían a cegas, e apreciaron a dificultade á que se enfrentan os comensais con diversidade funcional visual cando teñen que comer algo.

Neste caso tódolos bocados estaban especialmente deseñados para poder comelos con máis facilidade.

Grazas á organización de Etiqueta Negra por convidarnos unha edición máis a estar aquí! Para o noso alumnado é un moi bo contexto de aprendizaxe que sempre valoran moi positivamente.

Grazas a todos os visitantes que pasaron polo noso stand, e a tódolos asistentes á demostración gastronómica do luns.

Na vindeira edición de Etiqueta Negra, moito máis!!