Loureiro de Ouro para o CIFP Carlos Oroza

A II Festa das Cunchas de Pontevedra rendiu homenaxe aos 26 anos de historia do noso centro, facéndonos entrega do premio Loureiro de Ouro. A concelleira de promoción económica, Yoya Blanco, explicou que os motivos para darnos esta distinción foron: ‘Polos seus 26 anos de historia, polo traballo realizado na formación de tantas xeracións e pola contribución á profesionalización dun sector tan necesitado dela’. Mil grazas a todo o profesorado do Carlos Oroza”. 

O director do centro, Manuel Hermo, recibiu o premio das mellores mans posibles, as do noso exalumno Rubén González Vallejo, chef de El Cafetín. Rubén afirmou que foi “un orgullo” poder entregar esta distinción ao CIFP Carlos Oroza, “principalmente porque eu me sinto parte do centro, estudiei alí e sempre sigo ligado na medida do posible en distintas colaboracións”. “Coas melloras constantes que hai no centro -afirmó- danme moitas veces gañas de volver estudar ao ver como se están facendo as cousas, coa horta ou o I+D+i. Estamos traballando por e para a hostalería local, tendo moi en conta ao Carlos Oroza dentro dese círculo. É un premio moi merecido”.

Pola nosa parte, o director expresou que “desde que anunciaron que nos ían entregar o premio, esta semana foi toda de ledicia, porque ser recoñecido pola cidade cun premio como este para nós é moi importante e reforza o labor educativo que estamos a desenvolver desde hai 26 anos no ámbito profesional da hostalería e o turismo”. “Coido que nós achegamos o noso grao de area ao éxito que vive a nosa hostalería. Temos ex alumnos emprendedores, que montaron os seus propios negocios aquí, e outros que non están na cidade, pero que están espallados polo mundo e que sitúan o nome de Pontevedra a nivel internacional”

Mil grazas á cidade de Pontevedra por darnos este recoñecemento. Seguirá sendo como ata agora, un inmenso orgullo representala, servila e seguir inspirándonos nela para desenvolver o noso traballo formativo.

#aprenderfacendo