Os pasados días 22 e 23 de setembro celebrouse na Praza de España de Pontevedra Pont Up Store, un espazo de emprendemento no que o CIFP Carlos Oroza participou co seu proxecto de innovación PONTEVAN: FP NA RÚA. A nosa food truck estivo presente na Área de degustación cunha oferta gastronómica baseada en bocadillos de autor ideados polos nosos alumnos, e elaborados con produtos da horta do Oroza e materias primas galegas de primeira calidade.

Realizouse tamén unha exposición do proxecto o venres de 12:30-13:30h: INNOVANDO SOBRE RODAS – FOOD TRUCK SAÚDABLE  organizado polo CIFP Carlos Oroza e presentado por Ricardo Fernández, coordinador do proxecto. Nesta presentación participaron profesorado e alumnado colaborador no proxecto, e Hermes Castro, cociñeiro e propietario da food truck Hermes´Journey e tivo lugar no Salón de actos da Facultade de Belas Artes.

O proxecto “PonteVan: a FP na rúa” nace do traballo de catro centros de Formación Profesional e cinco empresas, é unha aposta polo empredemento dende a FP, un proxecto desenvolto por e para o alumnado de varias especialidades da Formación Profesional. O primeiro contacto co mundo real desta iniciativa foi a través da colaboración no Pont-Up Store 2017. Para o alumnado que participou durante os dous días neste evento constituiu un gran reto, enfrontarse ao mundo real nunha experiencia e nunha proposta que polo que sabemos é única no Estado. Despois do deseño e construción do vehículo correspondeu poñelo en marcha, ofrecendo unha oferta gastronómica novedosa, de calidade, equilibrada e con produtos sanos, naturais, de proximidade e nalgúns caso de propia colleita: a horta escolar ecolóxica do Carlos Oroza.

Cómo se traballou? No transcurso da mañá do venres 22 o equipo de traballo de cociña, dentro do vehículo confeccionou a oferta gastronómica, para comezar o servizo ao público ás 13:00 horas aproximadamente e ata ás 21:00 horas de xeito continuo, ou ata acabar existencias. O alumnado ofreceu así mesmo información ao público sobre o espírito do proxecto, explicándoo e fundamentando as accións que se ten previsto desenvolver no futuro próximo. O sábado 23 repetiuse o mesmo procedemento.  Os bocadillos foron pensados para un xantar de mediodía, completo canto á súa achega nutricional, completos na súa composición, peso e variedade.

Álbum de fotos: https://www.flickr.com/photos/109260888@N08/albums/72157686576836271