UN LITRO DE ACEITE USADO BOTADO POLO DESAGÜE É CAPAZ DE CONTAMINAR 1.000 LITROS DE AUGA

Dentro do módulo de Xestión da calidade e da seguridade e hixiene,  o alumnado de 1º curso dos ciclos de  Dirección de Servizos e Dirección de Cociña desenvolveu xunto á profe Pilu un taller de boas prácticas na área de xestión de residuos. A actividade consistiu na elaboración artesanal de xabóns de aceite reciclado das nosas cociñas, ideal para a limpeza da roupa, chan ou utillaxe, ou simplemente para a decoración en hostalaría. A valoración dun subproduto (aceite usado), a mellora medioambiental, a elaboración económica e sinxela destes xabóns.. vedes? todo son beneficios…

E, que necesitamos?  Unicamente precisas de aceite previamente usado (que deberás filtrar), auga, sosa e proteccións de pel e mucosas, xa que a sosa caustica é moi corrosiva e non debe entrar en contacto coa túa pel. É recomendable facelo nun lugar exterior, e nós eleximos a nosa Horta!

Comezaron misturando a sosa e máis a auga e … unha reacción química sorprendeulles en forma de vapor a 80º, formando lixivia caustica. A continuación engadiron esta lixivia ao aceite, coidando de que estiveran á mesma temperatura, para logo remover, remover e remover no mesmo sentido para que “non se corte” o xabón. Ao coller unha textura similar á maionesa, incorporáronlles colorantes naturais e aromas a base de infusións de herbas aromáticas da horta, café, restos de cítricos… E xa finalmente toca esperar, máis ou menos un mes, para que esta mistura se converta en xabón (proceso que se chama saponificación).

Reciclaxe, medio ambiente,  sustentabilidade, responsabilidade, aforro económico. Canto aprendizaxe detrás dunha mesma actividade!!

Presentámosvos ao alumnado artesán e o resultado final destes xabóns reciclados. Noraboa a todos!!

                          Grupo DCGrupo DS

Álbum da actividade

xabóns