Esta semana o alumnado de 1º e 2º curso do ciclo medio de Panadaría, Repostaría e Confeitaría participamos dunha intensa xornada de experiencias de aprendizaxe organizada pola profe Sonia.

Comezamos a nosa viaxe didáctica na empresa Tartas La Abuela, en Castrofeito, unha empresa que naceu co obxectivo de fabricar e comercializar a tradicional Tarta de Santiago pero que hoxe ofrece outras moitísimas variedades de tartas e pasteis. Acompañados por Carlos Lorenzo, director comercial da empresa, fixemos un percorrido polas instalacións, observamos un proceso automatizado en liña e as condicións reais do traballo que podemos chegar a desenvolver non noso futuro profesional.

Ao rematar saímos rumbo á granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, onde tivemos a oportunidade de achegarnos ás súas vacas ou “princesas” (coma alí as chaman) e mesmo puidemos darlles o biberón aos becerriños. Este momento foi tan especial para nós que ata esquecimos por un intre a friaxe desa mañá!!. Explicáronnos que é unha explotación leiteira de produción ecolóxica baseada no respecto ao medio ambiente e no benestar animal. Resultou moi emocionante o contacto co medio natural e riquísimos os produtos que probamos na degustación que tiñan preparada para nós: diferentes queixos, iogures, … todos da Casa Grande de Xanceda.

    DSC_0214 Corte queso

Escoitamos atentamente as súas enriquecedoras historias e transmitíronnos os grandes valores que posúen, que son, de seguro, o motivo polo que empresas coma esta van medrando e sorteando os avatares derivados do propio crecemento.
Estamos moi agradecidos a María e a Guillermo Martínez, monitora e xerente da empresa, pola atención recibida e por todo o aprendizaxe que nos levamos de volta.

Encantounos esta actividade e esperamos voltar algún día…

Pica na seguinte imaxe para acceder ao Álbum da xornada

IMG_1184 Tartas