O Campionato de Sumillería Suso Domínguez segue medrando. Na súa 3ª Edición o certame bateu un novo récord de participación coa incorporación de alumnos e alumnas procedentes das escolas portuguesas de Coimbra e Oporto.
Así, todos os participantes tiveron que pasar 4 probas que acreditaban o seu coñecemento do viño. As dúas primeiras tiveron lugar no CIFP Carlos Oroza e consistiron nun cuestionario sobre a D.O. Ribeira Sacra e nunha identificación de olores de entre 54 aromas do Nez du Vin. Xa no auditorio da cidade infantil Príncipe Felipe  e baixo a atenta mirada do público, os concursantes fixeron unha identificación dun viño da D.O. Ribeira Sacra de entre 5 referencias e unha decantación tipo aireado.
O xurado estivo presidido por Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño, que xunto a Carlos López (director da adega Ponte da Boga), Augusto Morales (presidente dos Baristas de Galicia), José Soto (director da área de restauración do Casino A Toxa) e Xosé Gontá e Martiño Santos (propietarios da tenda de viños Vide Vide), decidiu que os gañadores foran:

  • 1º Premio: Miguel del Águila Amigo do IES Sanxillao, que xunto co premio recibiu das mans de Xoán Cannas e José Manuel Pinal (o director xeral de Centros) unha beca para o “Curso de Especialización en Barman Profesional” do Instituto Galego do Viño.
  • 2º Premio: Pablo González Silva do CIFP Carlos Oroza, ó cal lle entregaron o seu galardón e unha estancia formativa na adega Ponte da Boga a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra Anabel Gulías e o propio director da adega Ponte da Boga Carlos López Otero.
  • 3º Premio: Adrián Paredes Mouriz do CIFP Paseo das Pontes, quen ademais do galardón entregado polo diputado provincial Carlos López Font foi obsequiado cunha estancia no Eurostars Monumento de San Clodio por parte de Enrique Camiñas, director rexional en Galicia do grupo hoteleiro HOTUSA.
CcnvdTTUEAACevj.jpg large

O xurado durante o certame. Foto de @laALACENARoja.

Independentemente da súa puntuación durante o campionato, todos os participantes recibiron como obsequio un diploma acreditativo das mans de Eugenia Fernández (subdirectora xeral de FP), César Pérez (xefe territorial de educación de Pontevedra) e Manuel Hermo (director do CIFP Carlos Oroza) e dous botellas “Magnum” personalizadas das adegas Ponte da Boga e Terras Gauda, entregadas polos seus propietarios Carlos López Otero e José María Fonseca.
Ademais, durante a gala presentada polo secretario do CIFP Carlos Oroza Juan Ferradás tamén foron entregados os premios do Concurso de Cartelería do Campionato de Sumillería Suso Domínguez, no cal participou o alumnado de artes gráficas do IES Montecelo. Os galardóns foron entregados por Miguel Carballa (director do IES Montecelo) e Mónica Fraga (directora rexional en Galicia do grupo hoteleiro HOTUSA) e distribuíronse da seguinte maneira:

  • 1º Premio e obsequio dunha tablet para a alumna Iria Espada Estévez.
  • Accesit do Concurso (premiado cun bono para catro persoas no restaurante Álvaro Cunqueiro do CIFP Carlos Oroza) para o alumno Adrián Acosta Pérez.
  • Premio pola súa labor como profesor colaborador do IES Montecelo a José Ángel Valcárcel, obsequiado cunha estancia no Eurostars Isla da Toxa.

Pero non todo foron probas e entregas de premios durante o 3º Campionato de Sumillería Suso Domínguez. Tamén houbo espazo para as actuacións de Jorge Bastos, profesor de servizos da escola de hostalaría e turismo do Douro – Lamego, que fixo un degole de vino vintage e do grupo Kanalla Coffee, que realizou un espectáculo centrado nas posibilidades que ofrece dita bebida.

aaorozasumilleria1

Manuel Hermo durante a súa intervención. Foto de @laALACENARoja.

Para pechar o acto, tomaron a palabra Jose Manuel Pinal e Manuel Hermo, quen tras o seu discurso deu paso a un dos momentos máis emotivos do certame coa entrega dun obsequio ós familiares de Suso Domínguez e ó profesor Carlos Rodríguez, un dos organizadores do evento e quen fora íntimo amigo de Suso Domínguez.
Xa finalizado o certame, os asistentes trasladáronse ó restaurante Álvaro Cunqueiro do CIFP Carlos Oroza no que puideron gozar do cocktail Finger Food e ser obsequiados cun recordo da xornada.
Pero o mellor está aínda por vir. Manuel Hermo adiantou onte que o reto do próximo Campionato Suso Domínguez será o de ampliar a súa rede de centros participantes por toda a vertente cantábrica dende Galicia ata Francia, facendo homenaxe así ó paso do Camiño de Santiago Francés e co obxectivo de converterse nun referente nacional no ámbito dos campionatos de sumillería.
Ata entón, só nos queda gozar do recordo da pasada edición co álbum de fotos e as diferentes reseñas que obtivo a gala nos medios de comunicación, así como deixar constancia dos agradecementos ós colaboradores do evento, sen os cales a celebración do campionato sería imposible.

P1080721

Foto de grupo dos participantes do campionato.

Álbum de fotos do Campionato.

Diario de Pontevedra

Faro de Vigo

La Alacena Roja

Grupo EsComunicaciónGalicia.com

 

Agradecementos

  • A todo o alumnado e profesorado do CIFP Carlos Oroza que participou na organización e celebración do certame.
  • A Elías e Portu da cidade infantil Príncipe Felipe, pola súa entrega e por dotar ó certame dos medios técnicos e audiovisuais necesarios.
  • Ó IES Audiovisual de Vigo, que por segundo ano consecutivo proxectou e gravou o evento. Parabéns para as profesoras Sira Romero e Beli Martínez e ó alumnado de produción, realización e imaxe Andrés Taboada, Pelayo Alonso, Sara Rodríguez, Yago Rodríguez, Nerea Lorenzo, Estefanía André, Silvia del Río, Pedro Piñeiro e Cristina Balchada.
  • Ó IES Montecelo, por demostrar unha vez máis a profesionalidade do seu alumnado de artes gráficas co deseño do cartel do certame. Grazas especialmente á implicación do profesor José Ángel Valcárcel e do director do centro Juan Miguel Carballa.
  • Ó profesorado e alumnado dos centros participantes de Galicia e Portugal, pola súa participación e entrega.
  • Ás autoridades presentes no acto pola súa asistencia e ós integrantes do xurado, por aportar a súa experiencia e profesionalidade na valoración dos participantes.
  • A Jorge Bastos e ó grupo Kanalla Coffee, por amenizar a xornada cos seus espectáculos.

Grazas ás seguintes institucións que prestaron o seu apoio en todo momento:

Grazas tamén ós patrocinadores do campionato:

  • Instituto Galego do Viño
  • Adega Ponte da Boga
  • Bodegas Terras Gauda
  • Grupo HOTUSA

O noso agradecemento tamén para Chicolino Restauración e Cafento, por facilitarnos a infraestrutura e os medios necesarios.

Parabéns a todos e todas… E ata o ano que ben!