Como pasa cos grandes proxectos, todo comezou cunha simple idea. A que tiveron 8 mariscadoras de Cangas que pensaron que a lapa podería ter saída comercial en Galicia, tal e como sucede noutras comunidades como a canaria ou a asturiana.

Unha afirmación que convenceu ós responsables do CIFP Carlos Oroza que decidiron pór en marcha o Proxecto de Innovación Educativa “Investigación e desenvolvemento de novos usos culinarios da lapa”.

Dende aquela pasou case un ano de absoluta implicación por parte dun alumnado que comprendeu a oportunidade que supón o formar parte dun proxecto destas características para a súa traxectoria académica e profesional.

Eles, guiados polo profesorado do centro, foron os protagonistas duns meses repletos de actividades que perseguiron un dobre obxectivo: descubrir as posibilidades culinarias da lapa e promover o consumo da mesma entre a poboación.

A dinámica do Carlos Oroza viuse axitada no mellor dos sentidos con visitas da Televisión de Galicia ás cociñas do centro ou saídas á praza da Peregrina para montar unha carpa na que ofrecer unha degustación de pratos coa lapa como protagonista.

Un proxecto que, coa colaboración da Confraría de pescadores San Xosé de Cangas, conseguiu o pasado ano un premio ó desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica. Pero o máis importante, unha iniciativa que fixo posible que os alumnos e alumnas comprobasen que co seu esforzo quizais logren mellorar a situación daquelas 8 mariscadoras que hai uns meses confiaron no noso centro para levar a cabo a súa idea.

ARL_3214

Dous alumnos mostran unha das elaboracións feitas con lapas.