Un ano máis, FITUR congregou en Madrid ás principais empresas e profesionais do ámbito turístico. Aproveitando este evento, o máis importante a nivel mundial do noso sector, o alumnado do CIFP Carlos Oroza trasladouse ata a capital acompañado por varios dos seus profesores e profesoras para así poder complementar a súa formación teórica cunha inmersión no ámbito profesional.

Así, os alumnos e alumnas dos Ciclos Superiores de Aloxamentos Turísticos e Guía, información e asistencia turística puxeron rumbo a Madrid o pasado xoves 21 de xaneiro, aproveitando a viaxe para realizar as funcións típicas dos guías correo, coordinando, asistindo e informando ó grupo.

Iso si, antes de asistir á feira tocou descubrir Soria e o seu impoñente legado romano da man dun guía oficial e, unha vez en Madrid, realizar unha panorámica para deleitarse cos numerosos atractivos da cidade. Xa na capital, a visita ó Museo do Prado fíxose obrigatoria para que o alumnado puidese pór en práctica os seus coñecementos de recursos turísticos e as súas habilidades comunicativas expoñendo ós seus compañeiros algúns dos cadros que conforman a colección da pinacoteca.

DSCN4530

O alumnado do Carlos Oroza na súa visita a Soria.

Pero non só os alumnos e alumnas de turismo foron a Madrid: os estudantes dos Ciclos de Cociña e Servizos tamén trasladáronse ata a capital aínda que o seu planning, foi, evidentemente, moi diferente: durante a súa estancia na cidade o alumnado preparou un servizo para 1.500 empresarios de Touroperadores no hotel Tower e, ademais, puido visitar as instalacións da empresa Heineken e comprobar o proceso de elaboración da súa cervexa.

IMG_20160201_182150

O alumnado de Cociña e Servizos no hotel Tower.

En definitiva, toda unha experiencia para o alumnado que, por uns días, abandonou a súa rutina no Carlos Oroza para descubrir de primeira man un mundo profesional que cada vez está máis próximo.

Álbum de fotos da actividade.