Carlos Oroza, o poeta que da nome ó noso centro, faleceu onte en Vigo ós 92 anos de idade. O autor, considerado como un dos mellores escritores do seu xénero, plasmou o seu estilo diferente e arriscado en obras tan célebres como “Alicia”, “Eléncar” e, sobre todo, “Évame”, a recompilación de toda a súa obra poética.

Nado en Viveiro en 1923, Carlos Oroza foi distinguido con numerosos galardóns como a Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes de Madrid ou o Premio Internacional de Poesía Underground en Nova York. Ademais, o concello de Vigo, cidade na que pasou os seus últimos anos de vida, nomeouno “Vigués Distinguido” hai tan só dous anos.

O nome do noso centro era un recoñecemento máis á figura deste maxistral poeta que, a pesar da melancolía de moitos dos seus textos, tivo sempre unha felicidade e ledicia innata. El mesmo afirmaba nunha entrevista concedida ó Faro de Vigo hai un ano: “Non sei o que é a felicidade e non podo expresala con palabras, pero a sinto”.